A súa función é protexer e defender os dereitos humanos, tanto individuais coma sociais, de todas as persoas. Supervisa todas as Administracións públicas: Estado, Comunidades Autónomas e Concellos, para que cumpran cos seus deberes e respecten a Constitución e as leis. O Defensor del Pueblo é elixido polo Congreso dos Deputados e polo Senado.
Cando se pode acudir ao Defensor? Cando creas que unha Administración pública non actuou correctamente e non respectou os teus dereitos.
Quen pode acudir ao Defensor? Calquera persoa, tamén un neno ou adolescente, pode acudir ao Defensor del Pueblo, sen distinción de idade, sexo, orixe, residencia ou nacionalidade.
Pode actuar en todos os casos? Pode actuar cando a Administración pública teña vulnerado as leis, excepto se o asunto xa está nas mans dos Xuíces e Tribunais. Se non pode actuar, o Defensor del Pueblo explicarache as razóns e poderá asesorarche sobre outras vías para reclamares os teus dereitos.
A intervención do Defensor del Pueblo é gratuíta e confidencial.
A función principal do Defensor del Pueblo consiste en atender as vosas queixas sobre actuacións incorrectas ou irregulares das administracións, institucións e autoridades públicas que afecten aos vosos dereitos.
Cando o Defensor del Pueblo recibe unha queixa, investígaa para saber se a actuación que se denuncia foi correcta ou non.
Se foi incorrecta, o Defensor recomenda á Administración responsable que a modifique ou que adopte medidas para evitar que se volva producir.
O Defensor del Pueblo tamén actúa por iniciativa propia, é dicir, sen necesidade de recibir unha queixa, se coñece feitos ou actuacións que poidan vulnerar os dereitos dos nenos e adolescentes.
Cada ano, o Defensor de Pueblo elabora un informe que envía á Cortes Xerais sobre as irregularidades máis graves que cometen as Administracións públicas contra os dereitos humanos.
Outra actividade do Defensor del Pueblo consiste na elaboración de informes e estudos sobre os dereitos humanos e os dereitos dos nenos e adolescentes.